Desesperación

A Paga, capítulo 20.

Written by: Erik Dobaño Salgado

Published on: 17/07/2021

Acababan de dar as once da mañá cando crucei aquela porta. Saquei a pistola da bolsa e apuntei directamente á cabeza da muller.

Non sabería dicir cando foi o exacto momento no que decidín realizar ese xesto que mudaría irremediablemente a miña vida. Foi algo que levaba moito tempo cavilando, e aquela mañá, ao espertar, dalgunha forma souben que ese sería o día no que o faría.

As demais persoas que estaban alí miráronme incrédulas, atentas ao que fose facer. Eu non as mirei, naquel momento atopábame nun estado que é difícil describir, a miña mente aínda estaba noutro lugar, ao outro lado da porta, sen acabar de decatarse de que xa comezara todo.

Fixeime no home que levaba posto o uniforme de segurata. Eu pensaba que faría algo, que intentaría determe, pero estaba completamente inmóbil; o seu rostro palidecera e víaselle tan perdido coma min naquel momento. Seguramente nunca se atopara nunha situación similar nin imaxinara que algo así lle puidese acontecer a el.

Non sei moi ben como, o meu corpo por fin reaccionou. Sen apartar a pistola do rostro da muller, mirei cara o segurata e díxenlle: –Como te movas, pégolle un tiro.

Se puidésedes ver a súa cara naquel momento… Como dicía a miña nai, era todo un poema. Un pouco máis sereno pero aínda tendo esa sensación coma de estar flotando no aire, seguín falándolle:

–Vai baixar a reixa e pecha a porta. Como te largues, cárgome a dous.

El fíxoo. Sacou a chave que accionaba a reixa e baixouna. Despois pechou as portas con algo de dificultade, as chaves escorregábanselle de entre as mans e case lle caeron un par de veces. Cando acabou, díxenlle que mas lanzase. Eu collinas no aire e gardeinas no peto.

–Moi ben. Agora todo o mundo ao chan. Deitádevos boca abaixo e lanzádeme os móbiles. E non quero oír nin un chío!

Todo ía ben. Ninguén podía entrar nin saír, e sen os móbiles non poderían avisar do que estaba acontecendo. Puxen a bolsa de deporte sobre o mostrador e díxenlle á muller á que apuntaba:

–Agora abre esta bolsa e mete dentro tódolos cartos que teñas. Rápido!

A muller abriuna e empezou a coller os billetes para metelos no seu interior. Xusto cando estaba introducindo os primeiros, vin o pasamontañas dentro da bolsa. Cagueime en todo. Como puiden ser tan parvo? Como se me puido esquecer poñelo antes de entrar? Todos me recoñecerían.

Agora xa era o mesmo, non servía de nada lamentarse. Debía cinguirme ao plan e acabar o máis pronto posible para saír de alí antes de que chegasen os madeiros.

Mentres se enchía a bolsa, ía botando olladas á porta. Parecía que ninguén de fóra se decatara, polo menos de momento. Aínda así, era mellor non confiarse, debía acabar canto antes.

Non esperei a que acabase. Cando aínda faltaba un cuarto da bolsa por encherse, arrinqueilla das mans e pecheina. Fun detrás do mostrador, mirando e apuntando coa pistola a todo o mundo, aínda que sen chegar a ver realmente a ninguén. Camiñaba de medio lado, intentando non tropezarme.

–Agora quedádevos aí quietos, e que ninguén se levante en cinco minutos. Como vos movades mátovos a todos, oístes?

Empecei a correr cara a parte traseira sen mirar atrás, sen apuntar xa a ninguén, intentando saír daquel lugar antes de que algo empezase a ir mal. Cheguei á parede do fondo e busquei a saída de emerxencia, pero non a atopei. Alí non había nada.

Volvín correndo á parte dianteira. Todos continuaban no chan, tal e como os deixara. Apuntei de novo á cabeza da muller e berreille:

–Onde está a porta traseira?

–A porta traseira?

–Si, a porta traseira.

–Non hai.

–Como que non hai?

–Non, non hai.

Volvinme cagar en todo. Como podía non haber porta traseira? Sempre había unha, é algo que cae de caixón.

Tiña que pensar, non tiña tempo que perder, e poñerme nervioso no serviría de nada. O plan estaba claro: poñer o pasamontañas, entrar, sacar a pistola, botalos ao chan, pechar a porta, coller os cartos, e saír pola parte de atrás. Fácil e rápido, pero nada estaba saíndo como o pensara.

Vexamos: se só hai unha porta, vou ter que saír por esa, non me queda outra. Botei a man á cara para sacar o pasamontañas antes de saír fóra, sen decatarme de que non o puxera, nin tampouco de que, de telo posto e sacalo agora, os que estaban alí verían o meu rostro. Ao non tocar a tea e recordar que o deixara na bolsa púxenme aínda máis nervioso. Mirei ao segurata e díxenlle:

–Tírame as chaves.

–Pero… Se xa as tes ti.

Merda, era certo. Saquei as chaves do peto e fun ata a porta. Empecei a pasalas buscando a que a abrise, pero eran demasiadas para ilas probando unha a unha, así que lle preguntei ao segurata:

–Cal é a chave da porta?

–A que ten o bordo verde.

Abrín e fun ata a reixa. Antes de chegar, o segurata xa me dixera:

–A da reixa é a máis pequena, unha prateada.

Busqueina pero non cheguei a metela. Cando estaba a piques de facelo escoitei as sirenas: os putos madeiros acababan de chegar.

Volvín dentro e pechei a porta, berrando mentres o facía–: Que a ninguén se lle ocorra mover nin un só pelo! –Empecei a dar voltas coas mans na cabeza, pensando no que podía facer agora.

Non pasou moito tempo ata que empezou a soar o teléfono que estaba a carón da muller á que apuntara coa pistola. Ámbolos dous miramos o aparello e despois mirámonos entre nós. Entón ela preguntou:

–Cólloo?

–Non, xa o collo eu.

Pasou o mesmo que nas películas. Ao outro lado estaba un policía. Preguntoume cantas persoas tiña coma reféns, como se atopaban, e que era o que quería. Que que quería? Pois irme de alí, ou poder volver atrás no tempo para non ter feito aquilo.

Non contei cantas persoas había, pero díxenlle–: Unhas dez –Tamén lle dixen que estaban todas ben, e que non sabía o que quería, que xa llo diría despois. Entón colguei.

Busquei unha cadeira e senteime. Que facer agora? Que é o que piden os ladróns nas películas? Un coche?, un avión?

Fixeime nas persoas que estaban alí comigo, nas súas caras de terror. Algunhas eran bastante maiores e estaban tiradas no chan. Pero que carallo estaba facendo? Agora xa non servía de nada todo aquilo. Mireinas e díxenlles:

–Se queren poden levantarse e poñerse cómodas. Dáme que imos pasar bastante tempo aquí. Poden coller os seus móbiles e avisar ás súas familias do que está pasando. E non se preocupen, que non lles vai pasar nada. Pero por favor non intenten ningunha parvada, que xa bastante nervioso estou eu.

O tempo continuou pasando, os minutos que semellaban horas e as horas que se convertían en días. Non é iso o que din os poetas? Ou os cantantes, xa non sei.

A través da persiana podía ver que cada vez había máis policías, aos que se uniran varias ambulancias e mailos bombeiros. Creo que me chamaron un par de veces máis. Volvéronme preguntar o mesmo, como se atopaba todo o mundo e que era o que quería. Tamén me pediron que deixase marchar a alguén, e dixéronme que se non lles dicía o que quería, que eles non me podían axudar. Por suposto, eu non ía deixar que ninguén marchase de alí; serei parvo pero tampouco tanto.

Entón, unha das rapazas que tiña coma refén dixo:

–Buah, Twitter está que bota fume!

Díxoo coma se estivese no salón da súa casa, sen decatarse da situación na que se atopaba. Cando se deu conta de que o dixera en alto, miroume asustada e dixo–: Perdón.

Eu mireina e pregunteille:

–Que pasa?

–Que somos ‘trending topic’.

–‘Trendin topic’? Que é iso?

–En Twitter. Non sabes o que é?

–Si, sei o que é Twitter. Pero que é iso de ‘trendin topi’?

–É que todo o mundo está falando de nós. Mira, somos o número un.

Amosoume o seu móbil e puiden ver o que aparecía na pantalla:

‘1 • Trending
#AtracoCorxesta
22.9K Tweets’.

–Sacáronche unha foto a través da persiana e agora todo o mundo está falando de ti.

Collinlle o móbil e púxenme a mirar os chíos. A miña foto estaba por todos lados. Alguén conseguira achegarse á fiestra antes de que a policía o pechase todo e fotografiárame:

‘Gorecho o Moucho @gorechomoucho • 2h
Saqueille unha foto ao atracador! Aquí o tedes
#AtracoCorxesta’.

Non tardaron moito en descubrir quen era. Un dos meus veciños recoñecérame ao ver a foto:

‘Orballeando @deorballoando • 2h
Mimá, pero ese é o meu veciño. Que lle picou?
Xa podo dicir que sempre saudaba ou teño que esperar a que veñan os da tele? #AtracoCorxesta’.

Os demais chíos eran basicamente burlas sobre o meu aspecto, moitas opinións en contra, algunha que outra a favor, do estilo <<que se fodan eses usureiros!>>, e comentarios que derivaban en discusións sobre outros temas que non tiñan nada que ver. Devolvinlle o móbil á rapaza e volvinme sentar na cadeira aínda máis perdido ca antes.

Uns minutos despois volveu falar:

–Pero que lle pasou ao teu fillo?

–Que pasa co meu fillo?

–Dígoo por isto que puxeron. O alcalde escribiu:

‘Reinaldo Tilves Abel @reinaldotilvesabel • 15m
A @PoliciaCorxesta ten controlada a situación. Dende o @ConcelloCorxesta loitaremos pola pronta liberación dos reféns.
Sempre en contra dos desalmados que fan sufrir aos cidadáns inocentes. #AtracoCorxesta’.

–E despois ese veciño teu puxo:

‘Orballeando @deorballoando • 11m
Mira, eu non sei por que o fixo nin o deixou de facer, pero ten un pouco máis de decencia. Que non o defendo, pero o home está desesperado, que o seu fillo está morrendo por culpa do teu partido.
E para desalmados vós, hipócritas do carallo. #AtracoCorxesta’.

–Que é o que lle pasa? –volveu preguntar a rapaza.

–Nada.

Os asuntos do meu fillo non eran cousa daquela moza. Non lle importaban, e xa tiña abondo con intentar atopar unha solución ao problema no que me metera coma para preocuparme máis aínda.

Deixa un comentario

Previous

A lista Monge medra, mais A Coruña nada fai por reparar a memoria

Next

Unha multitude dentro de Dylan