O que arde é a película coa que o lucense Óliver Laxe (París, 1982) gañou en Cannes o premio do Xurado. Con actores non profesionais e mediante diversos elementos cinematográficos (visuais, sonoros, alegóricos…) o director cóntanos a morte definitiva dun mundo esgotado, ou do pouco que quedaba dun territorio épico. Con música de Vivaldi de fondo, tras unha cortina negra e o canto dos grilos, a cámara penetra na escuridade dun bosque. O vao do chan ascende cara ás copas das árbores e, de súpeto, os eucaliptos empezan a caer segados por unhas potentes máquinas. Avanzan imparables, só se deteñen diante do enorme tronco dun vello castiñeiro: resistencia e refuxio cando chove.
O silencio das imaxes é quen fala aquí. As palabras tardan en aparecer. Poucas hai antes de que Amador chegue diante da súa casa e saúde a Benedicta: “Ola, mai, vou quedar unha tempada”. Ela vólvese cun mando de verdura entre os brazos, mírao e pregúntalle: “Tes fame?”. Hai mellor pregunta para un fillo que vén da cadea? Benedicta é unha anciá de 85 anos, pegada á terra coma todos os seus veciños, como amosan os seus marcados rostros cando se xuntan no cemiterio. E logo está o son. O son das cousas, que fai que saibamos delas moito antes de velas na pantalla. O son do río, da choiva, da auga… E o sabor das cousas: ovos fritos, pan torrado sobre a cociña…
A sombra de Uxío Novoneyra, o poeta do veciño Courel, sobrevoa a película. Aquí falan máis os feitos que os diálogos, que son curtos e precisos fronte á cháchara reinante. Manda unha gramática descarnada, ateigada de toponimias e lastrada pola intemperie. Por iso, cando ao amencer Benedicta vai en busca do fillo e o atopa durmindo na furgoneta, o galo canta, case que á mesma hora na que José de Parada nos Eidos ía camiño de Valdeorras. Desprende a película un aroma especial. Todo arrecende: a herba, o bosque, o pan, a auga, a corte, a cociña de ferro que fai de estufa… Sentados sobre a herba, a cadela Luna, nai e fillo, mentres Benedicta corta farangullas de pan coa navalla, Amador explícalle o mal que causan os eucaliptos e critica a idea de facer unha casa de turismo rural. A mai dille ao fillo “se fan sufrir, será porque sofren”, unha ambigua frase para rematar unha conversa.
É unha película lenta. E case nunca pasa nada. Sen embargo, está montada sobre imaxes tecidas con fíos da ambigüidade, de preguntas sen respostas. Foi ou non Amador o que queimou “medio Lugo”, como di un dos funcionarios da prisión? É responsable do incendio que pecha o filme? Helena, a veterinaria, sospeita que si. Os veciños que lle zoupan diante da súa nai tamén. Mais como está estigmatizado… Amador, “bo tío, pero non o tivo nada fácil”, di o veciño que lle zosca, é un home hermético ao que lle custa amosar os seus sentimentos afectivos. Todos o consideran culpable, mais el tampouco se defende.
Despois de que a veterinaria rescate a vaca enferma de Amador teñen lugar dúas escenas fantásticas. Soa Suzanne de Leonard Cohen e ela pregúntalle: “Gústache?”. El responde: “Si. Pero non entendo o que di”. E ela engade: “Para que che guste unha canción non fai falta entender a letra”. El míraa e sorrí. Entón a cámara enfoca a luz do sol sobre o morro dunha fermosa rubia galega que leva nas orellas uns pendentes co número 6575. Na madrugada do incendio, Benedicta chama por Luna, que desapareceu misteriosamente. Máis tarde vemos a loita das cuadrillas por apagar a pulsión dunha terra en chamas, un universo derrotado, desolado, onde un afogado rincho anuncia a aparición dun cabalo derrengado, co fuciño chamuscado e cego. Cego coma o lume, que, como o vento que o leva, non sabe de onde vén nin onde vai. Pero que arrasou un mundo noutro tempo esplendoroso. Outra cortina negra pecha unha delicada película que deixa un interrogante: quen arde, nós ou o monte?
Boiro, 9 de decembro.