Durante moitos séculos, non existiron barreiras físicas que limitaran a circulación das persoas. Será a partir do século XX cando se fagan habituais, coartando ese natural ir e vir de grupos humanos por todo o planeta. Na actualidade, as dinámicas demográficas e económicas das nosas sociedades opulentas invítannos a pensar que posibelmente necesitemos da chegada deses migrantes polo ben das nosas vidas.
Hai uns 200.000 anos nacemos como especie humana. A nosa primeira nai, que pasou á historia da ciencia co nome de Eva Mitocondrial, era negra e viviría no leste de África. Se somos rigorosos, teriamos que explicar que o concepto de Eva Mitocondrial é unha metáfora, que a realidade é un pouco máis complexa. Non estaríamos ante un único exemplar, senón que poderíamos dicir que naquel momento e naquel lugar confórmase unha xeración de mulleres a partir das cales descendemos todos os seres humanos do planeta. É o chamado Macrohalogrupo L.
Aquela nova especie saíu de África e expandiuse por todo o planeta. Chegou a lugares onde xa existían outros seres humanos cos que compartían antepasados, xa que á súa vez centos de miles de anos atrás outras especies partiran de solo africano, buscando novos horizontes. Así tivo lugar un acontecemento extraordinario: o “novo” homo sapiens xurdido a partir da Eva Mitocondrial coincidiu con outras especies de humanos, como o Homo Neanderthal ou o Homo de Denisova.
Con todo, aquel mundo de varias especies humanas, multicultural, que diríamos agora, durou pouco tempo. Cara ao 30.000 a.C., só quedaba unha especie humana no planeta: o homo sapiens, ou sexa nós, quen asimilamos (xeneticamente) ao resto das especies.
Este ir e vir de grupos humanos e individuos foi inherente á especie humana durante moitos miles de anos, desde a súa conformación como especie ata a Idade Contemporánea. A liberdade de circulación nunca foi obxecto de discusión, nin sequera estivo presente na elaboración das diversas teorías políticas ou económicas. Todo comezou a cambiar a principios do século XX, cando as barreiras artificiais conformadas polas fronteiras dos estados-nacións convertéronse en barreiras físicas, coartando o libre tránsito dos seres humanos polo mundo.
A liberdade de circulación nunca foi obxecto de discusión, nin sequera estivo presente na elaboración das diversas teorías políticas ou económicas. Todo comezou a cambiar a principios do século XX.
A principios dos anos 40, Stefan Zweig escribía: “Talvez nada demostra de modo máis palpable a terríbel caída que sufriu o mundo a partir da I Guerra Mundial como a limitación de movementos do home e a redución do seu dereito á liberdade. Antes de 1914 era de todos. Todo o mundo ía onde quería. Non existían permisos nin autorizacións. A xente subía e baixaba dos trens e dos barcos sen preguntar nin ser preguntada. Non existían salvocondutos, nin visados nin ningún deses fastidios. Foi despois da guerra cando o nacionalsocialismo comezou a transformar o mundo, e o primeiro fenómeno visible desta epidemia foi a xenofobia: o odio, ou polo menos o temor ao estraño. En todas partes a xente defendíase dos estranxeiros, en todas partes excluíaos…”
Así, o problema da xestión e o encaixe das persoas migrantes nos nosos estados-nación -que día si e día tamén podemos ver nos nosos telexornais-, é moi novo. Pero de verdade podemos pensar na inmigración como nun inconveniente?
En España, e máis concretamente en Galiza temos un problema demográfico moi grave, con consecuencias económicas que aínda non podemos albiscar. Os indicadores demográficos son demoledores: na actualidade a tendencia do saldo vexetativo (nacementos menos defuncións) é negativo; é dicir, morre máis xente da que nace. Ademais a esperanza de vida é cada vez maior, e a taxa de dependencia (índice demográfico que relaciona a cantidade de poboación que necesita ser mantida polo resto de persoas dunha sociedade) está en preocupante aumento.
Vigo, 2 de xullo