A Xunta informa da paralización en Touro para evitar unha investigación desde Europa

06/02/2020
Written By Erik Dobaño Salgado

Lorem ipsum dolor sit amet consectetur pulvinar ligula augue quis venenatis. 

Redacción adiante | A Coruña, 6 de febreiro. Diante da falta de institucións públicas rigorosamente democráticas no país, Europa é o camiño máis curto para obrigar a Administración a acometer as súas responsabilidades no coidado do territorio e das súas poboacións.

O Parlamento Europeo sopesa se enviar unha misión de eurodeputadas (Fact Finding Visit) para comprobar sobre o terreo as denuncias de colectivos cidadás sobre o perigo que para a veciñanza e o medio ambiente supoñen determinadas prácticas de explotación mineira en Galiza: os casos de Touro e Lousame (a mina San Finx), mais tamén outros como Santa Comba ou o Monte Neme.

O Goberno do PP na Xunta coñece o risco dunha intervención deste tipo. Antes sucedeu co estado das rías, e o conflito político segue vivo grazas a aquilo. E agora que os medios se lanzan a anunciar o descubrimento do ouro do coltán en Viana do Bolo, tamén a Xunta ten présa para evitar que Europa meta o nariz.

Por iso a Conselleira de Medio Ambiente apresurouse a comunicar ao Parlamento Europeo a resolución da declaración de impacto ambiental negativa sobre o proxecto mineiro presentado por Cobre San Rafael para a re-apertura da mina de Touro-O Pino, que se publicará no Diario Oficial de Galiza de mañá, 7 de febreiro.

Nunha carta datada o 31 de xaneiro, o departamento de Ánxeles Vázquez diríxese a presidenta da Comisión de Peticións do Parlamento Europeo, Dolors Montserrat (PP), coa intención de dar conta do acordo respecto ao proxecto mineiro de Touro e insistindo que a declaración “tiene el carácter de informe vinculante para la resolución que corresponde adoptar al órgano sustantivo con competencias en materia de minas”.

O documento subliña o seu obxectivo ao final: “lo (…) ponemos en tu conocimiento a los efectos de la decisión que se adopte al respecto de las peticiones relacionadas con el proyecto”.

As peticións ás que se refire son a nº 1194/2017 (presentada pola asociación ecoloxista Cova da Crea), a nº 0174 / 2018 (de Petón do Lobo) e a nº 0386/2018 (da Plataforma Mina de Touro- O Pino NON). Estas peticións foron obxecto de debate nunha sesión da Comisión o pasado 12 de novembro grazas as xestións da nacionalista Ana Miranda, que apenas un mes antes levara tamén ao Parlamento Europeo a peticionarios en relación co estado da mina San Finx.

Despois do debate, a Comisión de Peticións acordou que as tres demandas ficaran abertas “para o seu seguimento e avaliación”, o que pode supoñer que nalgún momento os europarlamentarios decidiran activar esa misión e analizar in situ o estado das explotacións mineiras na Galiza.

“Veñan a Touro, veñan a Galiza, e véxano cos seus propios ollos antes de que sexa demasiado tarde”, dixo Iria Ares, activista da plataforma de Touro, diante da Comisión de Peticións en novembro, onde tivo ocasión de intervir xunto a Luis Gallardo, María Sampedro e Isabel Vila que coincidiron en denunciar o desleixo das Administracións públicas estatal e galega neste caso.

A carta de Ánxeles Vázquez á súa compañeira de partido e presidenta da Comisión de Peticións, tan urxente que se enviou apenas se fixo público o resultado do estudo ambiental e mesmo antes da súa publicación no DOGA, “ten a intención evidente de frear esa misión de eurodeputadas”, advirten desde os colectivos que presentaron as peticións en Europa.

Deixa un comentario