As bestas andan soltas

Este artigo de Rocío Ovalle foi distinguido o 19 de novembro co Premio Alfredo Vicenti de Xornalismo Cívico.

Written by: Rocío Ovalle

Published on: 24/06/2018

O medo paraliza e a dúbida mata. Son dúas das verdades que aprendín cando vivín na India, ese país marabilloso e violento a partes iguais que invariablemente suscita a curiosidade do occidental nun sentido: “Sufriches algún problema por ser muller?” Ninguén fai a mesma pregunta aplicada ao sitio onde pasei a meirande parte da miña vida.

O medo paraliza. Soubérono ben Coralia e Maruxa, dúas costureiras compostelás, moito despois daqueles anos de algarabía republicana nos que gozaron exhibindo as cores da súa rebeldía. O amarelo da alegría, o vermello da vitalidade; tamén o azul intenso e o verde auga. Eran o estandarte da súa liberdade. Vermello, negro. A política. A CNT. Os irmáns. A persecución.

As bestas roubáronlles as cores a todos e todas. Tamén a elas quixeron romperlles as vestiduras. A nudez que nos enfronta a nós mesmas é sempre demasiado temible para os tiranos. Pero a burla pública de Coralia e Maruxa non acabou coas cores. É posible que iso as fixese aferrarse aínda máis á súa maneira de ser, á valentía de non camuflarse no gris que o tinguiu todo. Pero non chegou abondo. É posible que nunha noite escura quixesen roubarlles o corpo. A liberdade íntima. É posible que as bestas se cruzasen con elas cada día, no seu paseo habitual pola Alameda de Santiago. É posible que nunca se recompuxesen de todo, como ninguén o pode facer da morte.

A sete décadas e sete mil cincocentos quilómetros, cinco bestas atacan de novo. Os ferros cos que penetraron a Amanat no autobús público que a devolvía á casa apenas lle deixaron un ápice de vida, o necesario para dar a batalla e perdela cruelmente. As bestas andan soltas. Aínda que condenen a cinco á forca, como sucedeu na India. Armenia. Chile. Arxentina. Alemaña. Francia. Outra violación en grupo en Murcia, en Alacant, no Razzmatazz. E os San Fermines. Volta aos San Fermines con outras cinco bestas coñecidas soltas porque, din tres persoas expertas en predición do comportamento humano, a repercusión do caso “fai pouco menos que impensable” a reiteración delituosa. É por todos sabido que o simple encerro temporal dos violadores os rehabilita para a vida normal, como sucedeu con Pedro Luis Gallego, o “violador do ascensor”, ou Félix Vidal Alonso, o “violador do estilete”, ou Pablo García Ribado, o “violador do portal”, que unha vez fóra do cárcere e despois de participar en programas específicos non volveron agredir nin violar a ninguén. Verdade? A seguridade dos maxistrados é temeraria porque a simple posibilidade da dúbida mata.

MMM Galiza

Pero non, eles non son a manada nin nada que teña que ver co mundo animal. A manada ataca por supervivencia e non por macabra diversión. Os membros da manada son fieis e valentes, intuitivos e empáticos. A manada, señores, somos nosoutras. Nosoutras e cada vez máis homes feministas que se unen á nosa loita. As lobas que Clarissa Pinkola Estés retratou nos contos cos que apela a un xeito de unidade entre mulleres que vai máis aló do físico, máis aló do inmediato. Pero tamén no concreto estamos unidas. Na India, un exército de saris rosa percorre as zonas rurais para repartir xustiza aos homes que as institucións deixan impunes. Aínda que culturalmente nos separe un mundo, nos une unha mesma causa e un inimigo oculto nun sistema aceptado. Non son partidaria de tomar a xustiza por conta propia, pero tampouco de poñer a outra meixela e claudicar nunha guerra encuberta.

Na India, un exército de saris rosa percorre as zonas rurais para repartir xustiza aos homes que as institucións deixan impunes. Aínda que culturalmente nos separe un mundo, nos une unha mesma causa e un inimigo oculto nun sistema aceptado.

Se o pracer sexual feminino é, como analiza Virginia Wolf, un medio para o empoderamento das mulleres e, en última instancia, acadar a nosa liberdade, o ataque ás nosas vaxinas é, máis aló do individual, un crime político, un progromo que se repite ao longo do tempo e en todo o globo. As bestas andan soltas. Un día foron franquistas, outro nazis e outro, simplemente militares, Garda Civís, empresarios, panadeiros ou directores de diarios. Forman unha organización criminal universal. Díxoo Manolo Rivas: non é que o sistema sexa patriarcal, é que o machismo é o sistema.

Amarelo. Vermello. Despois de mortas, Coralia e Maruxa seguen a recompoñer a súa vida tralo último cambio de vestiario ao que as someteu o escultor César Lombera, como se a pasarela fose o único que importa ás do noso sexo, mentres a placa de mármore acazapada entre a herba apenas explica nada da historia destas mulleres. Pero tamén as envolvemos no violeta das marchas feministas que con frecuencia parten da súa escultura no Parque da Alameda.

As bestas andan soltas: as leis non son capaces de discernir o ben do mal. As bestas andan soltas porque eu, ti, ela seguimos vivas, e só coa morte este sistema outorga creto ao noso testemuño. A vida é unha batalla continua, di miña nai. E nós non a imos perder co estalido silencioso dun hime roubado. Desta vez nin temos medo nin dubidamos.

Compostela | 25 de xuño

Este artigo foi distinguido o 19 de novembro co Premio Alfredo Vicenti de Xornalismo Cívico. O fallo do xurado, constituído por representantes do Ateneo de Santiago, a Facultade de Xornalismo da USC e a Deputación da Coruña, entre outros, deuse a coñecer este luns en Compostela.

Deixa un comentario

Previous

“A Xunta aplica cos inmigrantes políticas destinadas a colectivos en situación de exclusión”

Next

“Poñer no mesmo plano a liberdade de expresión dun fascista e dun antifascista é inxusto”