CIEs baleiros, un espellismo?

O autor é escéptico a respecto da posibilidade de que os Centros de Internamento de Emigrantes (CIE), que quedaron en desuso durante o estado de alarma pola propia normativa legal que os regula, vaian continuar fechados despois da crise. Mais a oportunidade de terminar con eles presentouse de maneira inesperada.

Written by: Erik Dobaño Salgado

Published on: 21/05/2020

Non foi por humanitarismo do goberno, decidido a mostrar crueldade e indiferenza total cara aos migrantes e refuxiados. Foi que a mesma lei que regula os CIEs limita a estancia neles a dous meses. E coas fronteiras pechadas e o confinamento, era absurdo acumular xente que non podería deportar.

Moitas organizacións levan moitos anos pedindo o peche dos CIEs. Son unha aberración legal segundo os xuristas, por privar de liberdade a persoas que non cometeron ningún delito. Son unha negación de dereitos e un trato degradante segundo o testemuño de persoas e organizacións que os visitan e incluso segundo algúns xuíces de control dos CIEs.

O Valedor do Pobo estatal e moitas organizacións solicitaron o peche dos CIE debido ao estado de alarma que se decretou: as persoas encerradas debían ser liberadas e garantirlles un aloxamento seguro durante a epidemia. O ministro do Interior negouse rotundamente. A súa posición era liberar ás persoas conforme cumpría o prazo máximo de 2 meses de encerro permitido pola lei. Era obvio que, unha vez decretado o estado de alarma e pechadas as fronteiras, non se podían deportar, que é o único obxectivo destes centros. Non entanto, o ministro negou a lóxica liberación das persoas represaliadas.

Desde a campaña “CIEs Non” avogan polo peche final destes centros, conscientes de que a actual é unha situación conxuntural obrigada polo mesmo estado de alarma e que cando desapareza, o aparato represivo contra os migrantes volverá encher o CIEs.

Segundo informes dos últimos anos do Mecanismo de Prevención da Tortura, asinado polo Valedor do Pobo estatal, máis da metade das persoas detidas nos centros non son en realidade deportadas; son finalmente liberadas, dado que a única xustificación legal da existencia de CIEs é facilitar a deportación. Esta estatística revela outro interese tapado: meter medo á poboación nunha situación de irregularidade administrativa. E está claro que ao ministro do Interior, Grande Marlaska, non lle treme o pulso coa xente máis vulnerable. É o mesmo ministro que propuxo unha deportación colectiva de inmigrantes no CETI de Melilla, algo ilegal, incluso durante o estado de alarma.

O acordo de goberno asinado polo PSOE e UP afirmaba: “España seguirá comprometida a coidar a aqueles migrantes que veñen ao noso país en situación de alta vulnerabilidade, mellorando a coordinación de todos os actores implicados na atención humanitaria e na identificación de vulnerabilidades, especialmente as mulleres vítimas de trata e os menores de idade.”

En realidade isto tradúcese en perseguir estes grupos, negándolles os dereitos máis básicos, como a renda vital mínima, e condenalos ao ostracismo. Os CIEs baleiros de hoxe son un espellismo que se romperá ao final do estado de alarma.

A Coruña, 21 de maio de 2020.

Deixa un comentario

Previous

“O planeta Terra é basicamente o Planeta Granxa nestes momentos”

Next

Ativismo e socializaçom