Coeducación e corresponsabilidade

"En España dedicáronse ao longo de 2018 máis de 130 millóns de horas en traballo non remunerado; isto equivale a unha poboación de 16 millóns que tivesen unha xornada laboral de oito horas diarias e case un 15% do PIB. Uns coidados que non coñecen vacacións nin idade de xubilación", advirte o Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia.

Written by: Erik Dobaño Salgado

Published on: 07/03/2020

Redacción adiante | A Coruña | 7 de marzo.  “A corresponsabilidade, clave para que alcancemos a igualdade real”, arranca a declaración institucional que difundiu este sábado o Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia con motivo do Día Internacional da Muller, mañá, 8M. O escrito redactado pola Xunta de Goberno subliña “a necesidade de promover a corresponsabilidade no espazo doméstico e a visibilización dos coidados para achegarnos ao fin da histórica desigualdade de xénero entre homes e mulleres”.

As psicólogas galegas consideran que “o avance cara á igualdade a través da incorporación da muller ao mundo laboral non se traduciu na mesma medida na incorporación do home ao espazo doméstico. Ademais, as tarefas vinculadas aos coidados continúan sendo invisibles e minusvaloradas, polo que mentres non se poñan en valor será moi difícil que poidamos alcanzar unha igualdade real. Non debemos ignorar que as familias son múltiples e diversas, como as monoparentais, as que teñen cargas familiares, en situación de viuvez, de dependencia etc., coas consecuencias que cada circunstancia supón”.

E ofrecen a evidencia dos datos: “En España dedicáronse ao longo de 2018 máis de 130 millóns de horas en traballo non remunerado; isto equivale a unha poboación de 16 millóns que tivesen unha xornada laboral de oito horas diarias e case un 15% do PIB”. Uns coidados, din, que “non coñecen vacacións nin idade de xubilación”.

“O cambio social é lento”, constatan, “polo que debemos promover a través dos diferentes axentes de socialización e promovido polas administracións públicas modelos de participación igualitaria nas tarefas domésticas e nos labores de coidados, para dinamizar o avance cara á equidade real entre mulleres e homes, tamén no espazo privado”.

Apelas á educación en igualdade “para evitar as discriminacións ou desigualdades por motivo de xénero”, así como á corresponsabilidade no fogar, “consistente en que homes e mulleres se responsabilicen por igual das tarefas domésticas e de coidados”, como ferramentas para desmontar as bases da desigualdade. E conclúen: “Neste sentido, a coeducación é clave para promover modelos corresponsables, xa que permite a educación en igualdade a nenos e nenas, para desterrar os roles, os estereotipos e os prexuízos de xénero; construcións sociais que sustentan a desigualdade e as súas repercusións. Roles de xénero como os que identifican as mulleres como responsables das tarefas domésticas e dos coidados”.

Texto íntegro da declaración en https://copgalicia.gal/novas/comision-intersectorial-de-xenero/corresponsabilidade-clave-para-que-alcancemos-igualdade-real

Deixa un comentario

Previous

Manifesto lido en Verín o 1M

Next

“Abolir a prostitución sería dar un golpe irreparábel ao capitalismo neoliberal e ao patriarcado máis duro”