Marchan. Os case mil días de Touro

13/02/2020
Written By Erik Dobaño Salgado

Lorem ipsum dolor sit amet consectetur pulvinar ligula augue quis venenatis. 

Que xa marchan, disque. Que abandonan. Que van ir recuando ata o tobo do que saíron. Que nos devolven á soidade, aos días de vello, que liberan a respiración, que podemos ir en paz. Así se reinicia o territorio e pode que ata teña algo de perdurabilidade, mais entre as enrugas das mans e as manchas dos rostros da xente vella é que se escribiu a nosa historia e a derrota tantas veces. Nesas caras un ollo brilla de vitoria e o outro desconfía. É o que ten levar tantos anos en pé de guerra, a berrar, de vixía entre as árbores, durmindo nunha fonda intemperie, no gume de todas as herbas vibrando ao mínimo remexer do aire. Aí os veñen, aí os veñen. A tribo non pecha as portas da guerra pero pousa as armas, desatranca as portas mentres asegura as fiestras. O corazón na man dereita, onde antes levaban a pedra. Ollo, ollo, por moito que calen o silencio é tamén un exercicio de agarda. Aínda que non os vexamos, latexan. Ou seica os lobos, ou seica non tivemos máis inimigo ca este, ou seica non sabiamos que quererían vir polo noso?

Xente dos mil días que pode baixar xa os brazos entalados e usar a lingua para bicarse non saberá danzar. Na procura do deserto imaxinamos os ríos limpos e os ríos podres e os ríos secos e unha especie de rosario de bágoas con doas de cobre e azougue. Agora o coltán, antonte o lignito, noutro século o wolfram, sempre nos quererán a tripa, sempre remexernos no de adentro. A porca terra é para matar terra e nós a rabuñar.

A tribo depón as armas porque os inimigos bateron co calcaño no cu e marcharon tras dos montes, atrás dos demos. Ollo, di a máis sabia, un minuto de silencio para o pobo, poden volver en catapulta. A lei só ten que agumar o coitelo doutro xeito para que ceife todas as cordas. Os cans dormen tranquilos nunha salva de insectos e aprendemos ler de través nas liñas vellas das árbores porque en todas existen os fósiles das vellas batallas. Ollo, ollo, termade do silencio, non vaia ser. A terra lambe capa tras capa cada ferida como unha besta moi vella. Ide suturando, agumando, erguendo o derrubado coa man dereita mentres coa esquerda sostedes unha figa que nos protexa no camiño. Non é infelicidade quen fala, é a repetición da paisaxe: son as mareas mortas dos encoros, as bocas seladas das minas, as cicatrices das concas, os poros abertos e suxos das chemineas. Non confiedes, só no limpar de cada alba haberá un recordo de cada trago amargue do medo. Que o medo nos xunga a todas as loitas porque haberá ceo abondo baixo o que percorrelas todas. Prudencia nos dentes cairos, aínda que orgullo no sorriso.

A Coruña, 13 de febreiro de 2020.

[A fotografía que ilustra o texto na portada é obra de Galiza Contrainfo é corresponde a manifestación do 25 de febreiro de 2017]

1 comentario en “Marchan. Os case mil días de Touro”

Deixa un comentario