Queridas seareiras desta nosa sección, tédesnos encantadas. É unha ledicia enorme observar como ides enchendo a nosa caixa de correo colaboradoras@adiante.gal) coas dúbidas literarias que vos quitan o sono. Grazas a vós confirmamos que somos súper necesarias e que debemos seguir adiante nestas batallas que pouco a pouco lle imos gañando á ignorancia. Á vosa, claro. Saudámosvos, pois, con moito agarimo a todas, especialmente ás que ledes a palabra “certame” e entendedes o que vos dá a gana.
A nós gústanos máis a equidade que a un parvo un lapis, por iso nesta ocasión metemos todas as vosas preguntas nun bote e a máis inocente das catro mans coas que contamos sacou a que hoxe imos responder:
A que tipo de certames nos aconsellades concorrer para gañar recoñecemento literario tendo en conta que o premio Celanova-Casa dos Poetas que o ano pasado foi concedido a Estrella Galicia este ano foi para o Parlamento de Galiza?
A ver, querido, toma nota. En primeiro lugar aconsellamos que te presentes a certames ós que poidas presentarte. Hai unha chea deles, de verdade. Distínguense dunha entidade que concede un premio honorífico a quen lle peta en que están expresamente dirixidos a persoas que poden concorrer libremente a eles. Se aínda así segues emperrado en conseguir este premio, un Nobel a organismos internacionais ou o título de fallera maior sendo un home peludo do Incio, aí nós temos pouco que facer.

A nós encántanos este premio que concede a Fundación Curros Enríquez. Encántanos que este ano recaera no Parlamento de Galiza onde Curros exerceu de cronista. O ano pasado déronllo á Estrella Galicia porque a Curros o que máis lle gustaba era recitar baixando terzos de 1906, como a todos os grandes poetas desta terra nosa. Sabemos que noutra ocasión o premio foi para o Grupo R porque Curros foi o primeiro galego que contratou o servizo ADSL da compañía. Un precursor, xa sabedes.
Permaneceremos curiosas e atentas para ver a quen lle toca o ano que vén. Minia aposta polo licor café e eu digo que vai fixo para Carvalho Calero.
Vigo, 28 de agosto.